Presentación

A Compañía de Xesús foi moi probablemente a orde relixiosa que máis contribuíu á configuración cultural de Europa durante a Idade Moderna.

Aprobada en 1540 polo papa Paulo III, os xesuítas convertéronse rapidamente en peza chave do Concilio de Trento e, polo tanto, das profundas reformas desencadeadas por Lutero no seo da Igrexa. De feito, en Galicia, antes da súa expulsión por Carlos III en 1767 e da súa sucesiva supresión en 1773, os xesuítas chegarían a fundar ata seis colexios que desenvolveron unha inxente labor pedagóxica e cultural a día de hoxe continuada polos centros da Compañía restaurada.

Despois do recente 500 aniversario da Reforma protestante parece oportuno reflexionar sobre os novos carismas que se suscitaron e deron resposta á encrucillada na que se atopou a Igrexa do s. XVI; un propósito ao que este curso contribuirá estudando a Compañía de Xesús dende unha perspectiva interdisciplinar e con especial interese no caso galego.

OBXECTIVOS:

  • Profundar no coñecemento da implantación e desenvolvemento da Compañía de Xesús en Galicia.
  • Poñer en valor a difusión cultural e relixiosa exercida pola Compañía de Xesús en Galicia a través das súas bibliotecas e do seu patrimonio moble e inmoble.
  • Analizar o impacto relixioso e cultural da espiritualidade xesuítica na sociedade galega.

DATAS: 8-10 de marzo de 2018.

SEDES: Biblioteca do Convento de S. Francisco e Salón de Actos do Colexio Maior S. Agustín (Xesuítas), Santiago de Compostela.